Tuesday 30 de April de 2024

Boikot e Def con Dos, cabezas de cartel da nova edición do Flores Rock


Demenzia Social, banda gañadora do primeiro concurso de bandas do Flores Rock, estrearase sobre o escenario do festival

O festival conta cunha programación específica e gratuíta para nenos e nenas, con concertos, xogos e actividade lúdicas

Xa se coñecen os nomes que ocupan o cartel do Flores Rock 2023, logo da Festa de Presentación desta tarde, organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interviu esta tarde dende o escenario do Campo da Leña xunto con David Pujades, representante da Plataforma Veciñal. “O Flores
Rock representa unha das mellores formas de facer cultura de barrio, con iniciativas como esta que nos axudan a coñecer artistas locais e levar a cultura e a música aos barrios” explicou o concelleiro.

Boikot e Def con Dos serán o plato forte desta edición do festival, que terá lugar o 2 de setembro no parque central do Barrio das Flores. A elas súmase como grupo estrela Demenzia Social, banda gañadora da primeira edición da batalla de bandas do Flores Rock celebrada en xullo na sala O Túnel co obxectivo de dar a coñecer artistas locais.

Crowded e Noxxo, segunda e terceira clasificada da batalla de bandas, serán as encargadas de abrir a xornada musical que continuará coa Paella Popular a partir das 14.00 horas. Xa pola noite retomaranse os concertos con Sol Rain e Del alma, aos que lle seguirán Demenzia Social, Boikot e Def con Dos respectivamente.

Tamén haberá actividades para os máis pequenos no marco do Flores Kids como guitarra e batería, xogos, actividades teóricas e dous concertos con Pako Pakolas e a exhibición dos alumnos da academia de Rock. O horario das actividades é de 11.00 a 19.00 horas e as familias que o desexen poderán inscribir aos seus fillos e fillas con tres horarios diferentes.

Dende as 11.00 horas ata as 14.00 horas, ata as 16.00 horas ou até o fin do campamento.
As familias que o desexen poden inscribir aos seus fillos e fillas no correo kids.floresrock@gmail.com indicando a modalidade. O prazo de inscrición é do 16 ao 29 de agosto para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Unha vez alí, os grupos faranse por idade.

Co espazo e programación do Flores Kids colaboran, ademais do Concello da Coruña, a sala de ensaio La Pescadería de Josefa, Rock Guitar experience e Serocio. Gonzalo Castro destacou a boa sintonía entre Concello e Plataforma para a celebración de actividades e eventos, continuando co obxectivo do Goberno de Inés Rey de ampliar a rede de espazos culturais da cidade con eventos para tosos os públicos e idades.

Programación | Flores Rock, 2 de setembro
13.00 horas | CROWDED
14.00 horas | NOXXO
A partir das 14.00 horas | PAELLA POPULAR
20.30 horas | SOL RAIN
21.30 horas | DEL ALMA
22.30 horas | DEMENZIA SOCIAL
23.30 horas | BOIKOT
1.00 horas | DEF CON DOS

FLORES KIDS Dende as 11.00 ás 19.00 horas
11.00 a 13.00 horas | Guitarra e batería en locais de ensaio
13.00 a 15.00 horas | Concertos principais e xantar
16.00 a 17.00 horas | Concerto de Pako Pakolas
17.00 a 18.00 horas | Concerto dos alumnos da academia de rock
18.00 a 19.00 horas | Actividades varias (pintacaras, tatuaxes, clases lúdicas, xogos…)